martes, 16 de noviembre de 2010

Onte fun as Gandaras de Budiño

As veces propóñome ir a ese lugar onde un tempo abrollou tantas cousas ocultas nos pasadizos do meu segredo.Pero non me gusta atoparme con a lagoa esquecida. Abandonada despois do atrevemento do ser humano de romper as súas cordas máxicas, e deixala a escuras, nunha noite que as veces perdo a fe e dubido que esperte.

No ano 1984 xuntabamos moitos namorados das paisaxes do mundo no pequeno refuxio.Cando aínda algunhas estrelas alumeaban desvergonzadas na primeira tinta azul do día, apurabamos o almorzo e cubertos de mantas e ilusión dirixiamos a gran fiestra, así chamáballe eu aquel pequerrecho observatorio feito de madeiras novas.

Entón comezaba o espectáculo da vida incontenida. Onde milleiros de animais bulen nunha so mirada. Mentres o xeo do aire que comezaba a inventarse no frío da luz do mencer nos queimaba o rostro,nós abriamos con forza os nosos ollos de vidro para atender o navegar da beleza dos anades e os charnecos, que amoreábanse no corazón das augas brancas entorpecéndose e chiando fortemente como se fosen claxóns nun atasco.

Ao fondo,onde prendian os freixos máis antigos, a lagoa acollía a máis de 100 parrulos mergulladores que conquistaban este rincón ; pois alí as augas eran ben profundas e podian gallopar ata as profundidades en procura de novos sonos. Deviamos estar moi atentos,porque a enerxía do planeta aquí bulía de xeito incontrolado e sen aviso.

Entón alguen soltaba un berro como un perdigonada que levantou a lagoa en milleiros de ás.

-Unha garza pequena!!!-Berraba "Pé do Muiño" sen poder conter a emoción.

Todos os ollos alongados por prismáticos xiraban ata a presencia da gran garza africana. E facíase un silenzo mudo,como unha respiración contida.O trance mergullado en silenzo que se escoita cando acabamos de bicar o amor nos beizos da amada.Estamos na dixestión da beleza.Contemplando unha escena de destreza que corre polas sábanas africanas entre leóns e cebras. Aquí importada ao noso momento.Na paisaxe segreda da gran fiestra.
No balcón máxico sen telón.Na porta que abre e que nunca pecha.
O segundo que foi un segundo pero que nunca acaba. A miña mirada da vida que hoxe morre con a vella memoria daquela garza no ano 84 que tristemente xa nunca máis prendera na fiestra desta miña ollada nova.

1 comentario: